Thursday 16 de May de 2024

A Xunta destaca as marcas de garantía e as denominacións de orixe como mecanismos esenciais para impulsar a competitividade das empresas


A EGAP celebrou hoxe unha xornada sobre marcas de garantía e denominacións de orixe á que asistiron máis de 100 persoas

A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, inauguraron hoxe unha xornada sobre marcas de garantía e denominacións de orixe, que se celebrou en Santiago de Compostela e na que participaron máis de 100 persoas. Ao acto inaugural tamén asistiu o catedrático de Dereito mercantil e director da xornada, Carlos Lema.

Na súa intervención, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, salientou a importancia xurídica e económica das marcas, ao funcionar estas como vehículos de promoción das empresas, o mercado e a defensa dos intereses dos consumidores. Ademais, incidiu na importancia desta xornada , xa que “na actualidade precisamos máis ca nunca a posta en marcha de estratexias que axuden ao avance da nosa economía e á creación de emprego”.

Esta xornada tivo como finalidade ofrecer coñecementos xurídicos esenciais sobre as marcas de garantía e as denominacións de orixe. Tal e como destacou Sonia Rodríguez-Campos, ambos os elementos son mecanismos esenciais que contribúen a impulsar a competitividade das empresas nun mercado esixente, transmitindo confianza e seguridade aos consumidores.

A marca de garantía Galicia Calidade
Por outra banda, Alfonso Cabaleiro puxo de manifesto a repercusión e a forza da marca Galicia Calidade, 20 anos despois da súa creación. Esta marca de garantía distingue aos produtos ou servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou polo seu proceso de produción merecen esta distinción unha vez contrastada a súa calidade mediante auditorías de control.

Segundo o xerente, este selo, presente na actualidade en máis de 400 produtos, ten como reto na actualidade conseguir que cada vez máis os consumidores atopen a relación entre marca e calidade. Durante o descanso ofreceuse un café con produtos Galicia Calidade, realizado polo barista Óscar de Toro. Nel os congresistas degustaron produtos certificados pola marca de garantía entre os que se atopan os produtos de Feiraco, como o leite Unicla.